venres, 15 de xaneiro de 2016

"Un 2015 para liberar os nosos corpos e os nosos territorios de agresións e imposicións", de Ximena González

Do Quebec a Filipinas, de Macedonia a Paraguay e de Moçambique a Galiza, feministas de todo o planeta preparan a IV acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres que atravesará en 2015 o planeta en defensa dos nosos corpos e os nosos territorios. 

Serán diversas caravanas as que percorrerán os cinco continentes na procura de reforzar e ampliar as alianzas entre mulleres para combater a violencia e defender o noso dereito a vivir unha vida digna en liberdade.

A historia comeza en Brasil, no 9º Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres organizado en Sao Paulo, no que mulleres dos cinco continentes e de máis de 40 países comezaron o debate sobre os eixos de traballo para a IV acción internacional da marcha logo de reclamar o fin da violencia e a feminización da pobreza -na I acción-, elaborar unha carta das mulleres para a humanidade sobre a vida e o mundo que queremos -na II acción- e traballar pola paz e desmilitarización dos conflitos reclamando a participación das mulleres nos procesos de paz e o fin da violación como arma de guerra -na III acción-.

Así naceron as caravanas que en 2015 percorrerán o planeta co obxetivo de tecer redes de resistencia cos diversos movementos de base, recoller experiencias de loitas locais e enlazar as diversas loitas e resistencias dos diferentes pobos a través da sororiedade e da acción colectiva. 

En Europa o grupo de mozas de dentro e fóra da Marcha Mundial das Mulleres que forman a rede europea de mozas feministas traballan actualmente para organizar as accións que terán lugar en diversos países durante os 8 meses que dure unha caravana que arrancará en Londres o 8 de marzo de 2015 e rematará en Coimbra, Portugal. 

As compañeiras que xa traballan dende 2013 na caravana imaxinan a viaxe como unha serie de encontros en cada punto de paso con colectivos locais que partillen a aposta feminista de loita contra as agresións e as imposicións tanto sobre os nosos corpos como contra os nosos territorios. 

As coordenadoras nacionais da Marcha Mundial das Mulleres de Catalunya, Euskalherria, Galiza e Portugal traballan conxuntamente para organizar o tramo final da caravana que percorrerá europa e chegará a Coimbra para realizar alí o acto de peche da acción internacional, co obxetivo de reforzar os lazos entre os nosos territorios e a confluencia e reforzo das nosas loitas locais como feministas en cada un deles. 

En Galiza as mulleres da Marcha Mundial das Mulleres queremos facer un chamamento a todas as mulleres, feministas e organizacións de base a un proceso de confluencia, diálogo, reflexión e debate para prepararmos esta acción internacional no noso país, coñecendo e partillando experiencias de resistencia e loitas feministas e traballando para sumalas a todas aquelas que, en todos os rincóns de europa e do mundo, contribúen a combater a violencia que sufrimos. 

Agora toca tecer redes a nivel local e internacional para facer posíbel esta acción, para que podamos conectar a mulleres e feministas de diferentes contextos e realidades que combaten e resisten fronte ao patriarcado e o capitalismo e podamos aprender de cada unha desas loitas, coñecelas, impulsalas e trasladalas a todos os rincóns do planeta. 

Comezamos este traballo que queremos sexa colectivo e ao que vos convidamos a sumarvos dende a diversidade do movemento feminista galego para contribuír dende diferentes proxectos e espazos a que sexa cada día máis forte.

As mulleres seguimos en marcha ata que todas, en todas partes, sexamos libres. 

Máis información nacional@feminismo.info 

Activista da Marcha Mundial das Mulleres

"Entornos rurais e diásporas afectivo-sexuais", de Ángel Amaro

Nas aldeas, vilas e parroquias da Galiza hai -proporcionalmente- tantas persoas LGTBIQ como nas cidades. A diversidade afectiva, amatoria, sexual e de xénero espállase por tódolos recunchos dos núcleos poboacionais, dende o máis pequeno até o máis urbanizado. Unha realidade obvia e humana que a cotío se estampa contra o muro da transmaribibollofobia, o binarismo “aldea/cidade” e o cosmpolitismo capitalista.

Por unha banda, o patriarcado LGTBIQfóbico empurra -directa ou indirectamente- a moitas persoas LGTBIQ ao exilio sexual ou a dispersión afectiva, o que se ven denominando diáspora afectivo-sexual. Un tránsito persoal que xeralmente é un desprazamento real a áreas suburbanas ou cidades doutro estado. Noutras veces non implica un tránsito xeográfico, mais sí un desarraigo interior, unha rearmarización insitu, unha diáspora interna que habita nas fronteiras de aldeas e vilas (dobles vidas, identidades fragmentadas e precarias, dobles e triples procesos de vulnerabilidade, etc.)

Por outra banda, o cosmpolitismo capitalista (estilo urbanita e cultura de masas) ven a dizer que é incompatíbel ser LGTBIQ e vivir nunha vila. Un argumento moi simplista pero moi útil -incluso- para o capitalismo rosa. Estigmatizan o cotián rural porque interesa achegar moitas/os “clientes//novos residentes LGTBI” potenciais aos grandes núcleos urbáns: “libérate por la obra y gracia de Chueca. No te amargues en la aldea y ven a comprar, de fiesta, etc.” 

Como a finalidade é estandarizar as identidades, comercializar con elas e non mudar a realidade das aldeas e vilas... baleirar os entornos rurais da súa diversidade afectivo-sexual é un obxetivo compartido por moitos intereses ubicados en posicionamentos antagónicos.

Ao patriarcado LGTBIQfóbico e ao capitalismo rosa interésalles seguir neste status quo no que nada muda nos entornos rurais. En definitiva, continuar afondando na sangría do éxodo rural LGTBIQ: “que no incordien en las aldeas  y  vayan a  casarse a  las ciudades”.  O proceso  da  construcción de estratexias identitarias cada vez é máis individualista e neoliberal, aléxase por tanto de valores comunitarios e de apoio mutuo, o que carga de responsabilidade e revictimización a persoa LGTBI. Isto nos entornos rurais vívese con grande drama e dobles procesos, como consecuencia da ruptura de lazos da solidariedade LGTBIQ, o descoñecemento e a proliferación de mitos e lendas sobre as ruralidades. O que se ven a dizer é: “tienes que dejar la aldea para ser feliz. Emigra y empieza una nueva vida”. Dende as urbes -en plan barricada- lanzan proclamas de auto-axuda e recetarios paternalistas pra que as persoas LGBTIQ se marchen (condición indispensábel e única): “si te quedas, luego no te quejes de la LGTBIQfobia que padeces”. Mentres tanto... o peso do esquecemento recae sobre as persoas que resisten e loitan por transformar a súa vila: silénciase o seu estilo de vida particular, négase a súa existencia dentro da diversidade afectivo-sexual e estigmatízase un cotián alleo do cosmpolitismo e valores dos mass media.

Se queremos contar con aldeas e vilas libres de LGTBIQfobia deberase seguir sumando na loita contra o odio patriarcal, a cosificación identitaria, o cosmopolitismo urbanita e a cultura de masas. Todas elas responsables de acotar a diversidade afectivo-sexual aos núcleos das grandes cidades.

Ángel Amaro: Sociólogo feminista e cuir. Colabora cos xornais Galicia Confidencial e Praza Pública. Tamén fixo colaboracións puntuais con Sermos, Diagonal e Contrapoder.

"Infiltrou-se-me o absurdo no sorriso", de Carmen Momo


"Traballo doméstico: explotación de xénero e de clase", de David Núñez

Na súa critica ao capitalismo, o marxismo clásico ten centrado a súa atención na mercadoría como eixo central da produción capitalista e en como a partir da produción destas mercadorías xerase a explotación do traballo asalariado mediante a extracción de plusvalía.

Ao operar deste xeito lográronse certamente conclusións teóricas notables: a lei do valor-traballo, a lei do plusvalor, a tendencia decrecente da taxa de lucro, etc. Pero tamén supuxo ignorar de forma sistemática o importante papel xogado polo traballo doméstico non asalariado das mulleres na reproducción do capital.

Nas súas análises Marx partía da idea de que o valor da forza de traballo, ao igual que o de calquera outra mercadoría, viña determinada polo tempo de traballo necesario para a súa reprodución, o que, segundo el, viña representado íntegramente polo soldo percibido polo traballador masculino. É dicir, baixo esta visión as mercadorías adquiridas grazas a dito salario (pago da vivenda, luz, auga, comida, vestimenta, etc) eran suficientes para repoñer a enerxía gastada polo traballador masculino durante a xornada de traballo e asegurar asi mesmo a perpetuación da clase obreira a través da seguinte xeración. Ignorase así que para o mantemento do traballador e da súa familia non basta en absoluto coa adquisición e consumo das mercadorías mencionadas, é necesario levar a cabo toda unha serie de labores de coidado e mantemento do fogar que foron históricamente asumidas pola clase obreira femenina de forma completamente gratuíta, fora dos circuitos de produción mercantil. Se a realización do traballo reprodutivo levado adiante polas mulleres non fora gratuíto o capitalista debería aumentar os salarios para cubrir estes gastos imprescindibles para o conxunto da familia traballadora.

Podería pensarse que a cuestión da explotación de xénero ligada ao traballo doméstico quedou eliminada coa incorporación da muller ao mundo do traballo asalariado. Nada máis lonxe da realidade. No Estado  español, mentres a muller adica unha media de 1 h 53 min ao traballo de mercado e 4h 4 min ao traballo doméstico os homes gastan 3h 3 min e 1 h 50 min respectivamente en ambos traballos. É dicir, que a incorporación da muller ao mundo laboral asalariado non só non supuxo unha maior equidade no reparto de ambos traballos, pois elas seguen cargando co dobre de traballo no fogar, senón que ademais implica que agora as mulleres teñen unha carga de traballo total superior ao do sexo masculino (5h 57min fronte a 4h 53 min).

A erradicación da división sexual do traballo non só debe pasar por unha equidade no reparto do traballo doméstico, senón tamén pola socialización deste. A loita por dita socialización ten unha compoñente dobremente revolucionaria. Por unha banda, o traballo reprodutivo considerado como algo “natural” do sexo feminino, e polo tanto como algo que pode e debe ser realizado de forma gratuíta, pasa a convertirse nun traballo remunerado máis, igualándose ao resto de labores clásicamente ligadas á produción de mercadorías quebrandose así o que constitue un dos piares fundamentais da ideoloxía patriarcal. Por outra banda, ten ademais unha compoñente anticapitalista na medida en que se destruén as ganancias extraordinarias derivadas da explotación de xénero.

Membro da Liga Estudantil Galega e militante de Isca!

sábado, 7 de febreiro de 2015

"Cor violeta nas nosas mentes", de Noelia Gómez

 “Non se nace muller, chégase a selo” Simone de Beauvoir foi unha grande feminista do século XX, con frases como esta reivindicou a figura da muller na sociedade. Rosalía de Castro é unha das grandes figuras literarias que loitou polos dereitos da muller “ xa dende a cuna era consciente do mundo de escravitude que me esperaba”  Virginia Bolten fixo calar con esta cita: “Nin Deus, nin Patrón, nin Marido”.

Dende tempos inmemorábeis loitamos por un recoñecemento físico, psíquico e laboral. Xudiron diversos feminismos ao longo da historia cuxo obxetivo era un: IGUALDADE. O mundo dou un xiro, a muller logrou o dereito aos estudos superiores, e vaia, díganme a porcentaxe de homes e mulleres que hai hoxe nas facultades? Agora pretenden que retomemos aos anos 60, pretende volver a elexir sobre o noso día a día. O noso corpo, a nosa vida. Quizáis deberían reflexionar un intre, e poñerse na situación dunha muller que NON quere ser nai, onde queda entón a LIBERDADE? principio básico do ser humano. Logo apareceran casos de corrupcción, cando teñamos que ir a Holanda, por exemplo, para poder abortar.

Falamos de progreso, de que a muller é igual ao varón. Falamos de superioridade, de intelixencia e de poder. Habitamos nunha sociedade na que nos publicitan pastillas para adelgazar. A novidade. Veneno que mata o corpo da muller. Qué é o que pretenden? Que sexamos paos e maniquís de zara? Pastillas que reducen o apetito, acaso alimentarse non é básico para a vida? O deporte é saúde, é unha boa opción, non pastillas que nos van matando. Cantas enfermedades causan esas pastillas? ainda fai nada se descubriu unha nova doenza causada por elas, que produce a morte. Deixemos de xogar, deixemos de ser bonecas publicitarias. Abramos os ollos. Absurdos anuncios que califican o “ pelo” como masculino e non” feminino”, por deus, tod@s somos persoas. Remato esta reflexión cun fragmento da miña colleita.  

Un eu de mirada infantil debuxando anacos de vidas estragadas.

                     Reconstruíndo vivencias alleas en trozos de papel, un comezo doce.

                                     Un eu de mirada perdida buscando o porqué de que a avoa fixese a comida e
               o avo non.

 Un inocente eu mancado pola nostalxia dun tren perdido,
un autoensino cargado de durezas.

              Un eu impulsivo ante a confesión dos golpes da miña amiga.

                                                                                                                      Un eu odiando a existencia.

Un eu que aprendeu de Doris Lessing, de Simone de Beauvoir, de Camille Paglia, Betty Friedan, Judith Butler, Alice Walke, Clara Campoamor, Yolanda Castaño, e como non, a miña querida Rosalía de Castro…
                                      unha Noelia en pe disposta a loitar por aquelo que tanto nos pertence. Érgome para aplaudir ás mulleres revolucionarias que se atreveron a dicir “ alto”.

Un eu adulto que ten claro que se namora das persoas, non dos sexos.

Un ceo azul para ti, quen levas tempos inmemorábeis aturando a raza masculina.
Loitando por un nome tan grande como a túa intelixencia.

                                              Nai, avoa, policía, profa, periodista, sarxenta, escritora…
                                                                                                                       pero sobre todo muller.

                                                   Cor violeta nas nosas mentes!


Noelia Gómez Dende as terras rianxeiras loito porque a palabra igualdade deixe der ser un simple sustantivo e se convirta en verba real. O meu nome é Noelia Gómez Calvo, teño dezanove anos e son estudante de xornalismo na USC. O calificado como segundo sexo debe reinventarse na sociedade. Debemos construir un futuro violeta, xa que os sexos serán dous, pero o mundo é un.

"Bosquexo violeta", de Noelia Gómez

Sumerxida nunha ocasional travesía utópica
                                                     observo o labirinto vital que olleo dende a fiestra.
                         Baladas  improvisadas de grans de area danzando ao son dun porqué violeta.

Senos espidos que identifican un corpo lúcido,
  alimentado de poesía inédita nun fondo océano cultivado de
                                                                                 arcaicas tentacións de loita.                            
                                  Coétaneo apetito revolucionario tentador de esperanzas.
Esquecer un pasado dominado pola polla.
        Abrir as ventás desa fiestra caducada xa polo presente metafórico do progreso.       
                                                                                                                           O entendemento vivo e  esperto do segundo sexo.

Unha heroína que habitou nun conta contos con fin truncado.

                  Ollar violeta que marca a diferencia dun novo habitat no que
 a muller
 
     vai medrando na intelixencia moldeable do saber.

Noelia Gómez Dende as terras rianxeiras loito porque a palabra igualdade deixe der ser un simple sustantivo e se convirta en verba real. O meu nome é Noelia Gómez Calvo, teño dezanove anos e son estudante de xornalismo na USC. O calificado como segundo sexo debe reinventarse na sociedade. Debemos construir un futuro violeta, xa que os sexos serán dous, pero o mundo é un.

"Metamorfose", de Noelia Gómez

                                                      Raquítica boneca de porcelana
Óllasme sen querer dende a túa burbulla tintada de melancolía.
                                                     Pequena boneca de plástico,
 indomable e escrava do teu propio reflexo.

 Os teus pasos son sombras naquela Longa Noite de Pedra.
 Qué pensaría a filla adoptiva de Rianxo, Rosalía de Castro, se che vira tremer ante un espello?

Máncasme nas costelas,                             alí,
na túa visibilidade corporal que revela o teu estado enfermizo         
                         dun querer ser invisible.
Unha loita interminábel contigo mesma.
Sofres diante da camuflada Cibeles habitada por corpos de muller domados pola sociedade machista na que convivimos.
                          Farrapos de pernas,
                                                 osos
                                              e máis tetas
                                                que tremen
por non coller nunha 34.
                                                                                             Mancas as miñas verbas, cativa.
As túas bágoas enfronte da vida asemellan rendemento.               
  Soidade.
Metamorfose deste enigmático subsistir.

Noelia Gómez Dende as terras rianxeiras loito porque a palabra igualdade deixe der ser un simple sustantivo e se convirta en verba real. O meu nome é Noelia Gómez Calvo, teño dezanove anos e son estudante de xornalismo na USC. O calificado como segundo sexo debe reinventarse na sociedade. Debemos construir un futuro violeta, xa que os sexos serán dous, pero o mundo é un.