venres, 15 de xaneiro de 2016

"Un 2015 para liberar os nosos corpos e os nosos territorios de agresións e imposicións", de Ximena González

Do Quebec a Filipinas, de Macedonia a Paraguay e de Moçambique a Galiza, feministas de todo o planeta preparan a IV acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres que atravesará en 2015 o planeta en defensa dos nosos corpos e os nosos territorios. 

Serán diversas caravanas as que percorrerán os cinco continentes na procura de reforzar e ampliar as alianzas entre mulleres para combater a violencia e defender o noso dereito a vivir unha vida digna en liberdade.

A historia comeza en Brasil, no 9º Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres organizado en Sao Paulo, no que mulleres dos cinco continentes e de máis de 40 países comezaron o debate sobre os eixos de traballo para a IV acción internacional da marcha logo de reclamar o fin da violencia e a feminización da pobreza -na I acción-, elaborar unha carta das mulleres para a humanidade sobre a vida e o mundo que queremos -na II acción- e traballar pola paz e desmilitarización dos conflitos reclamando a participación das mulleres nos procesos de paz e o fin da violación como arma de guerra -na III acción-.

Así naceron as caravanas que en 2015 percorrerán o planeta co obxetivo de tecer redes de resistencia cos diversos movementos de base, recoller experiencias de loitas locais e enlazar as diversas loitas e resistencias dos diferentes pobos a través da sororiedade e da acción colectiva. 

En Europa o grupo de mozas de dentro e fóra da Marcha Mundial das Mulleres que forman a rede europea de mozas feministas traballan actualmente para organizar as accións que terán lugar en diversos países durante os 8 meses que dure unha caravana que arrancará en Londres o 8 de marzo de 2015 e rematará en Coimbra, Portugal. 

As compañeiras que xa traballan dende 2013 na caravana imaxinan a viaxe como unha serie de encontros en cada punto de paso con colectivos locais que partillen a aposta feminista de loita contra as agresións e as imposicións tanto sobre os nosos corpos como contra os nosos territorios. 

As coordenadoras nacionais da Marcha Mundial das Mulleres de Catalunya, Euskalherria, Galiza e Portugal traballan conxuntamente para organizar o tramo final da caravana que percorrerá europa e chegará a Coimbra para realizar alí o acto de peche da acción internacional, co obxetivo de reforzar os lazos entre os nosos territorios e a confluencia e reforzo das nosas loitas locais como feministas en cada un deles. 

En Galiza as mulleres da Marcha Mundial das Mulleres queremos facer un chamamento a todas as mulleres, feministas e organizacións de base a un proceso de confluencia, diálogo, reflexión e debate para prepararmos esta acción internacional no noso país, coñecendo e partillando experiencias de resistencia e loitas feministas e traballando para sumalas a todas aquelas que, en todos os rincóns de europa e do mundo, contribúen a combater a violencia que sufrimos. 

Agora toca tecer redes a nivel local e internacional para facer posíbel esta acción, para que podamos conectar a mulleres e feministas de diferentes contextos e realidades que combaten e resisten fronte ao patriarcado e o capitalismo e podamos aprender de cada unha desas loitas, coñecelas, impulsalas e trasladalas a todos os rincóns do planeta. 

Comezamos este traballo que queremos sexa colectivo e ao que vos convidamos a sumarvos dende a diversidade do movemento feminista galego para contribuír dende diferentes proxectos e espazos a que sexa cada día máis forte.

As mulleres seguimos en marcha ata que todas, en todas partes, sexamos libres. 

Máis información nacional@feminismo.info 

Activista da Marcha Mundial das Mulleres

Ningún comentario:

Publicar un comentario