venres, 15 de xaneiro de 2016

"Traballo doméstico: explotación de xénero e de clase", de David Núñez

Na súa critica ao capitalismo, o marxismo clásico ten centrado a súa atención na mercadoría como eixo central da produción capitalista e en como a partir da produción destas mercadorías xerase a explotación do traballo asalariado mediante a extracción de plusvalía.

Ao operar deste xeito lográronse certamente conclusións teóricas notables: a lei do valor-traballo, a lei do plusvalor, a tendencia decrecente da taxa de lucro, etc. Pero tamén supuxo ignorar de forma sistemática o importante papel xogado polo traballo doméstico non asalariado das mulleres na reproducción do capital.

Nas súas análises Marx partía da idea de que o valor da forza de traballo, ao igual que o de calquera outra mercadoría, viña determinada polo tempo de traballo necesario para a súa reprodución, o que, segundo el, viña representado íntegramente polo soldo percibido polo traballador masculino. É dicir, baixo esta visión as mercadorías adquiridas grazas a dito salario (pago da vivenda, luz, auga, comida, vestimenta, etc) eran suficientes para repoñer a enerxía gastada polo traballador masculino durante a xornada de traballo e asegurar asi mesmo a perpetuación da clase obreira a través da seguinte xeración. Ignorase así que para o mantemento do traballador e da súa familia non basta en absoluto coa adquisición e consumo das mercadorías mencionadas, é necesario levar a cabo toda unha serie de labores de coidado e mantemento do fogar que foron históricamente asumidas pola clase obreira femenina de forma completamente gratuíta, fora dos circuitos de produción mercantil. Se a realización do traballo reprodutivo levado adiante polas mulleres non fora gratuíto o capitalista debería aumentar os salarios para cubrir estes gastos imprescindibles para o conxunto da familia traballadora.

Podería pensarse que a cuestión da explotación de xénero ligada ao traballo doméstico quedou eliminada coa incorporación da muller ao mundo do traballo asalariado. Nada máis lonxe da realidade. No Estado  español, mentres a muller adica unha media de 1 h 53 min ao traballo de mercado e 4h 4 min ao traballo doméstico os homes gastan 3h 3 min e 1 h 50 min respectivamente en ambos traballos. É dicir, que a incorporación da muller ao mundo laboral asalariado non só non supuxo unha maior equidade no reparto de ambos traballos, pois elas seguen cargando co dobre de traballo no fogar, senón que ademais implica que agora as mulleres teñen unha carga de traballo total superior ao do sexo masculino (5h 57min fronte a 4h 53 min).

A erradicación da división sexual do traballo non só debe pasar por unha equidade no reparto do traballo doméstico, senón tamén pola socialización deste. A loita por dita socialización ten unha compoñente dobremente revolucionaria. Por unha banda, o traballo reprodutivo considerado como algo “natural” do sexo feminino, e polo tanto como algo que pode e debe ser realizado de forma gratuíta, pasa a convertirse nun traballo remunerado máis, igualándose ao resto de labores clásicamente ligadas á produción de mercadorías quebrandose así o que constitue un dos piares fundamentais da ideoloxía patriarcal. Por outra banda, ten ademais unha compoñente anticapitalista na medida en que se destruén as ganancias extraordinarias derivadas da explotación de xénero.

Membro da Liga Estudantil Galega e militante de Isca!

Ningún comentario:

Publicar un comentario