venres, 15 de xaneiro de 2016

"Entornos rurais e diásporas afectivo-sexuais", de Ángel Amaro

Nas aldeas, vilas e parroquias da Galiza hai -proporcionalmente- tantas persoas LGTBIQ como nas cidades. A diversidade afectiva, amatoria, sexual e de xénero espállase por tódolos recunchos dos núcleos poboacionais, dende o máis pequeno até o máis urbanizado. Unha realidade obvia e humana que a cotío se estampa contra o muro da transmaribibollofobia, o binarismo “aldea/cidade” e o cosmpolitismo capitalista.

Por unha banda, o patriarcado LGTBIQfóbico empurra -directa ou indirectamente- a moitas persoas LGTBIQ ao exilio sexual ou a dispersión afectiva, o que se ven denominando diáspora afectivo-sexual. Un tránsito persoal que xeralmente é un desprazamento real a áreas suburbanas ou cidades doutro estado. Noutras veces non implica un tránsito xeográfico, mais sí un desarraigo interior, unha rearmarización insitu, unha diáspora interna que habita nas fronteiras de aldeas e vilas (dobles vidas, identidades fragmentadas e precarias, dobles e triples procesos de vulnerabilidade, etc.)

Por outra banda, o cosmpolitismo capitalista (estilo urbanita e cultura de masas) ven a dizer que é incompatíbel ser LGTBIQ e vivir nunha vila. Un argumento moi simplista pero moi útil -incluso- para o capitalismo rosa. Estigmatizan o cotián rural porque interesa achegar moitas/os “clientes//novos residentes LGTBI” potenciais aos grandes núcleos urbáns: “libérate por la obra y gracia de Chueca. No te amargues en la aldea y ven a comprar, de fiesta, etc.” 

Como a finalidade é estandarizar as identidades, comercializar con elas e non mudar a realidade das aldeas e vilas... baleirar os entornos rurais da súa diversidade afectivo-sexual é un obxetivo compartido por moitos intereses ubicados en posicionamentos antagónicos.

Ao patriarcado LGTBIQfóbico e ao capitalismo rosa interésalles seguir neste status quo no que nada muda nos entornos rurais. En definitiva, continuar afondando na sangría do éxodo rural LGTBIQ: “que no incordien en las aldeas  y  vayan a  casarse a  las ciudades”.  O proceso  da  construcción de estratexias identitarias cada vez é máis individualista e neoliberal, aléxase por tanto de valores comunitarios e de apoio mutuo, o que carga de responsabilidade e revictimización a persoa LGTBI. Isto nos entornos rurais vívese con grande drama e dobles procesos, como consecuencia da ruptura de lazos da solidariedade LGTBIQ, o descoñecemento e a proliferación de mitos e lendas sobre as ruralidades. O que se ven a dizer é: “tienes que dejar la aldea para ser feliz. Emigra y empieza una nueva vida”. Dende as urbes -en plan barricada- lanzan proclamas de auto-axuda e recetarios paternalistas pra que as persoas LGBTIQ se marchen (condición indispensábel e única): “si te quedas, luego no te quejes de la LGTBIQfobia que padeces”. Mentres tanto... o peso do esquecemento recae sobre as persoas que resisten e loitan por transformar a súa vila: silénciase o seu estilo de vida particular, négase a súa existencia dentro da diversidade afectivo-sexual e estigmatízase un cotián alleo do cosmpolitismo e valores dos mass media.

Se queremos contar con aldeas e vilas libres de LGTBIQfobia deberase seguir sumando na loita contra o odio patriarcal, a cosificación identitaria, o cosmopolitismo urbanita e a cultura de masas. Todas elas responsables de acotar a diversidade afectivo-sexual aos núcleos das grandes cidades.

Ángel Amaro: Sociólogo feminista e cuir. Colabora cos xornais Galicia Confidencial e Praza Pública. Tamén fixo colaboracións puntuais con Sermos, Diagonal e Contrapoder.

Ningún comentario:

Publicar un comentario