xoves, 9 de outubro de 2014

"Envexa de clítoris", de Helena Capera

“As Bruxas Lancashire” de de William Harrison Ainsworth
Segundo o misóxino Sigmund Freud todas as mulleres padecemos envexa de pene, un trauma que nos posúe de nenas cando descubrimos os xenitais masculinos e recoñecemos o noso corpo incompleto, castrado.

O que parece un chiste malísimo é unha teoría que mutilou a sexualidade de moitas mulleres ao longo do século XX. O falocéntrico Freud e a súa tropa interpretaban as mulleres como seres opostos aos homes. Consideraban que os orgasmos provocados pola estimulación do clítoris eran infantís (por non precisaren o pene). E chegaron a ser tan ignorantes que obviaron non só que non envexamos as pirolas, senón que o noso clítoris é o único órgano do corpo humano dedicado, exclusivamente, a producir pracer.

O clítoris ten máis de 8.000 terminacións nerviosas, a maior concentración que existe nun único órgano. Supera a hipersensibilidade das puntas dos dedos, dos labios e da lingua. O clítoris é puro nervio: un tesouro máxico!

Moitas somos as mulleres que algunha vez soñamos  cunha pirola  propia  (colgando  entre as pernas) ou falamos sobre os xenitais masculinos. Utilizamos dildos con forma de falo e gozamos penetrando mentres fodemos. Pero iso é curiosidade e vicio. Non envexa.

Porque cando de nenas descubrimos o noso clítoris, un mundo novo e fantástico se abre diante de nós. Aprendemos a tocalo, agarimalo, beliscalo. Gozamos cunha lingua, uns dentes, un alento. Viaxamos mentres o capuchón se abre e o botón crece e se expande. Sentimos o centro do universo debaixo do noso embigo.

Tan poderoso é o noso clítoris que nalgunhas sociedade a mutilación deste órgano se utiliza como mecanismo de control dos corpos. Anulando o desexo e o pracer, anúlase a persoa. E eliminando a autonomía das mulleres, mantense a hexemonía dos que mandan.

Se Sigmund Freud tivese cona, quizais titulase algunha das súas obras ‘Sabia natureza’. E o que nomeou loucura, chamaríao multiorgasmo. Pero naceu  e  viviu   coma  un  home  e  falou  sobre   as mulleres sen coñecelas nin respectalas. Morreu sen decatarse de que o sensato, en todo caso, é padecer envexa de clítoris.

Helena Capera Cullell é amante das letras, dos corpos e das linguas. Chegou ao Atlántico dende Mediterráneo hai seis anos e dende aquela medra e desaprende en galego. O concepto ‘neofalante’ non lle gusta. O queixo, encántalle.

Ningún comentario:

Publicar un comentario