Amosando publicacións coa etiqueta Artigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Artigo. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de xaneiro de 2016

"Un 2015 para liberar os nosos corpos e os nosos territorios de agresións e imposicións", de Ximena González

Do Quebec a Filipinas, de Macedonia a Paraguay e de Moçambique a Galiza, feministas de todo o planeta preparan a IV acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres que atravesará en 2015 o planeta en defensa dos nosos corpos e os nosos territorios. 

Serán diversas caravanas as que percorrerán os cinco continentes na procura de reforzar e ampliar as alianzas entre mulleres para combater a violencia e defender o noso dereito a vivir unha vida digna en liberdade.

A historia comeza en Brasil, no 9º Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres organizado en Sao Paulo, no que mulleres dos cinco continentes e de máis de 40 países comezaron o debate sobre os eixos de traballo para a IV acción internacional da marcha logo de reclamar o fin da violencia e a feminización da pobreza -na I acción-, elaborar unha carta das mulleres para a humanidade sobre a vida e o mundo que queremos -na II acción- e traballar pola paz e desmilitarización dos conflitos reclamando a participación das mulleres nos procesos de paz e o fin da violación como arma de guerra -na III acción-.

Así naceron as caravanas que en 2015 percorrerán o planeta co obxetivo de tecer redes de resistencia cos diversos movementos de base, recoller experiencias de loitas locais e enlazar as diversas loitas e resistencias dos diferentes pobos a través da sororiedade e da acción colectiva. 

En Europa o grupo de mozas de dentro e fóra da Marcha Mundial das Mulleres que forman a rede europea de mozas feministas traballan actualmente para organizar as accións que terán lugar en diversos países durante os 8 meses que dure unha caravana que arrancará en Londres o 8 de marzo de 2015 e rematará en Coimbra, Portugal. 

As compañeiras que xa traballan dende 2013 na caravana imaxinan a viaxe como unha serie de encontros en cada punto de paso con colectivos locais que partillen a aposta feminista de loita contra as agresións e as imposicións tanto sobre os nosos corpos como contra os nosos territorios. 

As coordenadoras nacionais da Marcha Mundial das Mulleres de Catalunya, Euskalherria, Galiza e Portugal traballan conxuntamente para organizar o tramo final da caravana que percorrerá europa e chegará a Coimbra para realizar alí o acto de peche da acción internacional, co obxetivo de reforzar os lazos entre os nosos territorios e a confluencia e reforzo das nosas loitas locais como feministas en cada un deles. 

En Galiza as mulleres da Marcha Mundial das Mulleres queremos facer un chamamento a todas as mulleres, feministas e organizacións de base a un proceso de confluencia, diálogo, reflexión e debate para prepararmos esta acción internacional no noso país, coñecendo e partillando experiencias de resistencia e loitas feministas e traballando para sumalas a todas aquelas que, en todos os rincóns de europa e do mundo, contribúen a combater a violencia que sufrimos. 

Agora toca tecer redes a nivel local e internacional para facer posíbel esta acción, para que podamos conectar a mulleres e feministas de diferentes contextos e realidades que combaten e resisten fronte ao patriarcado e o capitalismo e podamos aprender de cada unha desas loitas, coñecelas, impulsalas e trasladalas a todos os rincóns do planeta. 

Comezamos este traballo que queremos sexa colectivo e ao que vos convidamos a sumarvos dende a diversidade do movemento feminista galego para contribuír dende diferentes proxectos e espazos a que sexa cada día máis forte.

As mulleres seguimos en marcha ata que todas, en todas partes, sexamos libres. 

Máis información nacional@feminismo.info 

Activista da Marcha Mundial das Mulleres

"Entornos rurais e diásporas afectivo-sexuais", de Ángel Amaro

Nas aldeas, vilas e parroquias da Galiza hai -proporcionalmente- tantas persoas LGTBIQ como nas cidades. A diversidade afectiva, amatoria, sexual e de xénero espállase por tódolos recunchos dos núcleos poboacionais, dende o máis pequeno até o máis urbanizado. Unha realidade obvia e humana que a cotío se estampa contra o muro da transmaribibollofobia, o binarismo “aldea/cidade” e o cosmpolitismo capitalista.

Por unha banda, o patriarcado LGTBIQfóbico empurra -directa ou indirectamente- a moitas persoas LGTBIQ ao exilio sexual ou a dispersión afectiva, o que se ven denominando diáspora afectivo-sexual. Un tránsito persoal que xeralmente é un desprazamento real a áreas suburbanas ou cidades doutro estado. Noutras veces non implica un tránsito xeográfico, mais sí un desarraigo interior, unha rearmarización insitu, unha diáspora interna que habita nas fronteiras de aldeas e vilas (dobles vidas, identidades fragmentadas e precarias, dobles e triples procesos de vulnerabilidade, etc.)

Por outra banda, o cosmpolitismo capitalista (estilo urbanita e cultura de masas) ven a dizer que é incompatíbel ser LGTBIQ e vivir nunha vila. Un argumento moi simplista pero moi útil -incluso- para o capitalismo rosa. Estigmatizan o cotián rural porque interesa achegar moitas/os “clientes//novos residentes LGTBI” potenciais aos grandes núcleos urbáns: “libérate por la obra y gracia de Chueca. No te amargues en la aldea y ven a comprar, de fiesta, etc.” 

Como a finalidade é estandarizar as identidades, comercializar con elas e non mudar a realidade das aldeas e vilas... baleirar os entornos rurais da súa diversidade afectivo-sexual é un obxetivo compartido por moitos intereses ubicados en posicionamentos antagónicos.

Ao patriarcado LGTBIQfóbico e ao capitalismo rosa interésalles seguir neste status quo no que nada muda nos entornos rurais. En definitiva, continuar afondando na sangría do éxodo rural LGTBIQ: “que no incordien en las aldeas  y  vayan a  casarse a  las ciudades”.  O proceso  da  construcción de estratexias identitarias cada vez é máis individualista e neoliberal, aléxase por tanto de valores comunitarios e de apoio mutuo, o que carga de responsabilidade e revictimización a persoa LGTBI. Isto nos entornos rurais vívese con grande drama e dobles procesos, como consecuencia da ruptura de lazos da solidariedade LGTBIQ, o descoñecemento e a proliferación de mitos e lendas sobre as ruralidades. O que se ven a dizer é: “tienes que dejar la aldea para ser feliz. Emigra y empieza una nueva vida”. Dende as urbes -en plan barricada- lanzan proclamas de auto-axuda e recetarios paternalistas pra que as persoas LGBTIQ se marchen (condición indispensábel e única): “si te quedas, luego no te quejes de la LGTBIQfobia que padeces”. Mentres tanto... o peso do esquecemento recae sobre as persoas que resisten e loitan por transformar a súa vila: silénciase o seu estilo de vida particular, négase a súa existencia dentro da diversidade afectivo-sexual e estigmatízase un cotián alleo do cosmpolitismo e valores dos mass media.

Se queremos contar con aldeas e vilas libres de LGTBIQfobia deberase seguir sumando na loita contra o odio patriarcal, a cosificación identitaria, o cosmopolitismo urbanita e a cultura de masas. Todas elas responsables de acotar a diversidade afectivo-sexual aos núcleos das grandes cidades.

Ángel Amaro: Sociólogo feminista e cuir. Colabora cos xornais Galicia Confidencial e Praza Pública. Tamén fixo colaboracións puntuais con Sermos, Diagonal e Contrapoder.

"Traballo doméstico: explotación de xénero e de clase", de David Núñez

Na súa critica ao capitalismo, o marxismo clásico ten centrado a súa atención na mercadoría como eixo central da produción capitalista e en como a partir da produción destas mercadorías xerase a explotación do traballo asalariado mediante a extracción de plusvalía.

Ao operar deste xeito lográronse certamente conclusións teóricas notables: a lei do valor-traballo, a lei do plusvalor, a tendencia decrecente da taxa de lucro, etc. Pero tamén supuxo ignorar de forma sistemática o importante papel xogado polo traballo doméstico non asalariado das mulleres na reproducción do capital.

Nas súas análises Marx partía da idea de que o valor da forza de traballo, ao igual que o de calquera outra mercadoría, viña determinada polo tempo de traballo necesario para a súa reprodución, o que, segundo el, viña representado íntegramente polo soldo percibido polo traballador masculino. É dicir, baixo esta visión as mercadorías adquiridas grazas a dito salario (pago da vivenda, luz, auga, comida, vestimenta, etc) eran suficientes para repoñer a enerxía gastada polo traballador masculino durante a xornada de traballo e asegurar asi mesmo a perpetuación da clase obreira a través da seguinte xeración. Ignorase así que para o mantemento do traballador e da súa familia non basta en absoluto coa adquisición e consumo das mercadorías mencionadas, é necesario levar a cabo toda unha serie de labores de coidado e mantemento do fogar que foron históricamente asumidas pola clase obreira femenina de forma completamente gratuíta, fora dos circuitos de produción mercantil. Se a realización do traballo reprodutivo levado adiante polas mulleres non fora gratuíto o capitalista debería aumentar os salarios para cubrir estes gastos imprescindibles para o conxunto da familia traballadora.

Podería pensarse que a cuestión da explotación de xénero ligada ao traballo doméstico quedou eliminada coa incorporación da muller ao mundo do traballo asalariado. Nada máis lonxe da realidade. No Estado  español, mentres a muller adica unha media de 1 h 53 min ao traballo de mercado e 4h 4 min ao traballo doméstico os homes gastan 3h 3 min e 1 h 50 min respectivamente en ambos traballos. É dicir, que a incorporación da muller ao mundo laboral asalariado non só non supuxo unha maior equidade no reparto de ambos traballos, pois elas seguen cargando co dobre de traballo no fogar, senón que ademais implica que agora as mulleres teñen unha carga de traballo total superior ao do sexo masculino (5h 57min fronte a 4h 53 min).

A erradicación da división sexual do traballo non só debe pasar por unha equidade no reparto do traballo doméstico, senón tamén pola socialización deste. A loita por dita socialización ten unha compoñente dobremente revolucionaria. Por unha banda, o traballo reprodutivo considerado como algo “natural” do sexo feminino, e polo tanto como algo que pode e debe ser realizado de forma gratuíta, pasa a convertirse nun traballo remunerado máis, igualándose ao resto de labores clásicamente ligadas á produción de mercadorías quebrandose así o que constitue un dos piares fundamentais da ideoloxía patriarcal. Por outra banda, ten ademais unha compoñente anticapitalista na medida en que se destruén as ganancias extraordinarias derivadas da explotación de xénero.

Membro da Liga Estudantil Galega e militante de Isca!

sábado, 7 de febreiro de 2015

"Cor violeta nas nosas mentes", de Noelia Gómez

 “Non se nace muller, chégase a selo” Simone de Beauvoir foi unha grande feminista do século XX, con frases como esta reivindicou a figura da muller na sociedade. Rosalía de Castro é unha das grandes figuras literarias que loitou polos dereitos da muller “ xa dende a cuna era consciente do mundo de escravitude que me esperaba”  Virginia Bolten fixo calar con esta cita: “Nin Deus, nin Patrón, nin Marido”.

Dende tempos inmemorábeis loitamos por un recoñecemento físico, psíquico e laboral. Xudiron diversos feminismos ao longo da historia cuxo obxetivo era un: IGUALDADE. O mundo dou un xiro, a muller logrou o dereito aos estudos superiores, e vaia, díganme a porcentaxe de homes e mulleres que hai hoxe nas facultades? Agora pretenden que retomemos aos anos 60, pretende volver a elexir sobre o noso día a día. O noso corpo, a nosa vida. Quizáis deberían reflexionar un intre, e poñerse na situación dunha muller que NON quere ser nai, onde queda entón a LIBERDADE? principio básico do ser humano. Logo apareceran casos de corrupcción, cando teñamos que ir a Holanda, por exemplo, para poder abortar.

Falamos de progreso, de que a muller é igual ao varón. Falamos de superioridade, de intelixencia e de poder. Habitamos nunha sociedade na que nos publicitan pastillas para adelgazar. A novidade. Veneno que mata o corpo da muller. Qué é o que pretenden? Que sexamos paos e maniquís de zara? Pastillas que reducen o apetito, acaso alimentarse non é básico para a vida? O deporte é saúde, é unha boa opción, non pastillas que nos van matando. Cantas enfermedades causan esas pastillas? ainda fai nada se descubriu unha nova doenza causada por elas, que produce a morte. Deixemos de xogar, deixemos de ser bonecas publicitarias. Abramos os ollos. Absurdos anuncios que califican o “ pelo” como masculino e non” feminino”, por deus, tod@s somos persoas. Remato esta reflexión cun fragmento da miña colleita.  

Un eu de mirada infantil debuxando anacos de vidas estragadas.

                     Reconstruíndo vivencias alleas en trozos de papel, un comezo doce.

                                     Un eu de mirada perdida buscando o porqué de que a avoa fixese a comida e
               o avo non.

 Un inocente eu mancado pola nostalxia dun tren perdido,
un autoensino cargado de durezas.

              Un eu impulsivo ante a confesión dos golpes da miña amiga.

                                                                                                                      Un eu odiando a existencia.

Un eu que aprendeu de Doris Lessing, de Simone de Beauvoir, de Camille Paglia, Betty Friedan, Judith Butler, Alice Walke, Clara Campoamor, Yolanda Castaño, e como non, a miña querida Rosalía de Castro…
                                      unha Noelia en pe disposta a loitar por aquelo que tanto nos pertence. Érgome para aplaudir ás mulleres revolucionarias que se atreveron a dicir “ alto”.

Un eu adulto que ten claro que se namora das persoas, non dos sexos.

Un ceo azul para ti, quen levas tempos inmemorábeis aturando a raza masculina.
Loitando por un nome tan grande como a túa intelixencia.

                                              Nai, avoa, policía, profa, periodista, sarxenta, escritora…
                                                                                                                       pero sobre todo muller.

                                                   Cor violeta nas nosas mentes!


Noelia Gómez Dende as terras rianxeiras loito porque a palabra igualdade deixe der ser un simple sustantivo e se convirta en verba real. O meu nome é Noelia Gómez Calvo, teño dezanove anos e son estudante de xornalismo na USC. O calificado como segundo sexo debe reinventarse na sociedade. Debemos construir un futuro violeta, xa que os sexos serán dous, pero o mundo é un.

"A condición sexual", de Xacobe García

Levo unhas semanas falando e tentando indagar na rede sobre un concepto difícil de abordar. O tema é a denominada cultura Gay ou cultura LGTBI. Este concepto é aplicado a aquelas temáticas, gustos ou preferencias dun colectivo concreto mais ao meu ver caemos nun erro ao tentar de adscribir baixo a denominación de cultura a algo que transcende realmente a calquera cultura.

A condición sexual é un tema transversal que abrangue calquera cultura ou subcultura urbana e non podemos circunscribila a uns comportamentos concretos. Se nos damos un baño de historia, podemos ver como dende os comezos das distintas civilizacións se trata este tema. Dende promulgacións de leis que o restrinxen ou que o condenan ata a mitoloxía exipcia que o engloba na explicación da deshonra dun dos seus deuses. Mais podemos dicir que o concepto xorde, como todo o movemento de liberación do colectivo, nos 70 coa revolución de Stonewall.

É a primeira vez que o colectivo se enfronta ao poder para facerse ver como tal colectivo. Onde na intentona de desaloxar un bar de ambiente os ali congregados néganse a facelo. Ata aquí todo normal, o problema ben cando tentamos elevar unha condición a categoría de cultura, mais aínda, cando nos movemos na liña tan fráxil de tentar normalizar a existencia do colectivo LGTBI contraposta a necesidade de reivindicación política e o activismo para visualizar o colectivo e facermos desta unha loita antisistema.

Se ben pode ser certo que existe unha parte do colectivo que que comparte iconas ou gustos concretos e incluso un estilo propio, hoxe por sorte, o colectivo é do mais ecléctico e abrangue todas as subculturas existentes.

Se nos elevamos como colectivo a categoría de cultura estamos circunscribíndonos a unha filosofía a unha maneira de pensar e inclusive a uns hábitos de consumo. Caer nisto racha coas necesidades expostas no paragrafo anterior pois non podemos normalizar algo nunha sociedade se cremos estar por riba da súa cultura ou ser unha cultura  distinta. Ao  que  nos leva a defensa  desta cultura é a que a dia de hoxe o sistema teña aceptada a existencia do colectivo que se engloba baixo esta denominación. Así, podemos ver como só se acepta baixo os parámetros da cultura gay dous   tipos de    homosexuais:  a poder  ser  homes brancos, cun poder adquisitivo grande, normalmente solteiros; ou con parella estable pero nunca nun amor romántico; contraposta a figura do gay, tamén home, baixo a denominación de “loca” e con actitudes promiscuas. Esta claro que o sistema teno ben estudado, facendo todo unha campaña mediático-comercial dirixida a este colectivo.

O problema real ven cando morre a reivindicación do colectivo, concretamente no estado español coa consecución do matrimonio, desaparece a aspiración a conquerir calquera outro dereito parece que ao chegarmos a diluírnos nas formas estándares comerciais que o heteropatriarcado nos posibilita xa está o traballo feito e continuamos na actitude de manifestarnos como cultura ao marxe da sociedade na que habitamos. Se ben procuramos a normalidade, non podemos homoxeneizarnos. Cabe a posibilidade de que a miña tese sea froito do análise dende uns parámetros de esquerda con intención transformadora, mais non é iso o que se procura con todo movemento social oprimido?

Nos vivimos en Galiza, co cal pertencemos a cultura galega e como tal temos pensamento e filosofía de galegos. a marxe disto somos LGTBI condición concreta que se restrinxe a uns gustos sexuais. Se nos autoconvencemos de que precisamos espazos de confluencia propios illados da sociedade, de parámetros vitais distintos e denominamos aos nosos gustos propios da nosa condición caemos na aplicación de roles que non estamos dispostos a asumir. Pois se ben no seu momento as mulleres loitaron por rachar cos roles de xénero, desmontando o concepto de: “isto é cousa de homes isto e cousa de mulleres”; o movemento lgtbi non pode caer no mantemento para si deste tipo de roles pois no colectivo teñen cabida todo tipo de ideoloxías, pensamentos e gustos.

Temos lido na prensa e en webs oficiais como múltiples organizacións critican o mantemento nos eixos actuais dunha reivindicación ao redor do día do orgullo en Madrid que se converteu nun fenómeno puramente turístico mais que a actividade que estas organizacións realizan seguen indo nas coordenadas dun eixo X de visualización e un eixo y: posibilidades de que o sistema nos acepte. Agora ben, digo eu, que sentido ten isto? Que procuramos? A que horizonte imos con isto? O lóxico é sermos unha acción transformadora que posibilite non que a sociedade acepte ao colectivo se non que o tome como algo natural sen maior acritude.

Esta  claro  que para  isto  precisamos  políticas  de educación sexual no ensino e accións nas que podamos amosar que o ser homosexual so se circunscribe a persoa coa que te deitas e a que queiras, pois como persoas fan o mesmo que o resto da sociedade: traballan en tódolos campos, vai de festa en calquera ambiente, ten a ideoloxía política que lle peta e asume o rol vital que quere (nin mais feminino nin mais masculino).

E xa rematando existe acaso unha cultura heterosexual? E unha cultura da muller?

A condición sexual LGTBI ao igual que o feminismo e a lingua forma parte da superestrutura non é unha cultura en si mesa se non que debe pretender transformar as culturas nas que vive para poder acceder aos dereitos que temos como pertenza ao conxunto da humanidade.

Xacobe Castro Estudante de Bioloxía na USC. Participa dos Comités sendo representante destes no Consello de goberno da USC durante dous anos. Responsable de Galiza Nova no Ribeirol ademais de participar activamente na loita ecoloxista. Recentemente foi elixido Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG) no seu XV Congreso.

Artigo aparecido no xornal dixital Terra e tempo, no 14/02/2014

xoves, 9 de outubro de 2014

"Imprensa para mulheres - imprensa de mulheres: duas ideias brevíssimas", de Óscar Valadares

Grabado Circe, de Giovanni Benedetto Castiglione (1650)
Primeira ideia: não há colectivo social sem comunicação. Podem existir grupos de debate, até grupos mobilizados e mobilizadores, mas quem procure incidência social tem necessariamente de espalhar os seus debates ao conjunto. Tal tarefa não é possível sem comunicação, sem o que os partidos e as organizações clássicas do marxismo chamaram órgãos de expressão. Os feminismos e os colectivos LGBTI sabem disto e nos últimos anos têm posto em andamento um bom número de iniciativas comunicacionais polo mundo adiante — também na Galiza — combatendo por essa via a subalternidade dos seus próprios debates, amiúde injustamente submetidos e secundarizados em relação aos debates principais das organizações políticas e sociais em que a maioria dessas pessoas também militam. Mas não só.  As novas publicações destes coletivos têm, de modo fundamental, a virtualidade de se opor à tradicional imprensa vocacionada para a mulher, subvertendo, pola base, o conceito mesmo de “imprensa para mulheres” e todo o que isso implica direta ou indiretamente.

É necessário notá-lo: a imprensa para mulheres não deixa de ser, em todo caso, imprensa capitalista. Tem por objetivo vender produtos, colocando-os na retina de públicos identificados como alvo. Não é casual que na “imprensa para mulheres” não se publicitem carros, mas cosméticos, como tampouco é por acaso que os exemplos de “mulheres de sucesso” sejam sempre umas poucas empresárias e as escassas mulheres que povoam conselhos de administração de grandes transnacionais, nem tampouco que a mensagem seja sempre “o que nós, mulheres, podemos fazer dentro do sistema machista” e nunca “os motivos polos que nós, mulheres, somos oprimidas polo sistema machista”.

Constatar esta situação, essa ocultação propositada da realidade, equivale, pois, a constatar que a propriedade dos meios de comunicação “para mulheres” reproduz neles exatamente os mesmos padrões ideológicos que lhe são caraterísticos, todavia com especial virulência. E ninguém duvida que os padrões ideológicos das oligarquias que possuem os meios de comunicação — também aqueles produzidos “para mulheres” — passam hoje, como ontem, pola conservação da sua superioridade de género, por manter vivo o processo de “cousificação” da mulher (sugerindo falsamente, de passada, que o processo de normalização da condição feminina e das sexualidades dissidentes está já efetivizado), e por continuar recluindo em guetos de segurança as alternativas LGBTI, visíveis o suficiente para evitar críticas, mas não demasiado.

Segunda ideia: além disso, essa constatação impõe também, por fim, a necessidade de se dés-disciplinar do tipo da imprensa que a reproduz, considerando que a condição da mulher nas sociedades capitalistas não tem nada a ver com uma definição biológica ou natural, mas com uma perspectiva histórica — legível do ponto de vista marxista — que exige às próprias mulheres, como sujeito histórico, a sua ativação e organização em chave política, arredor da ideia da sua própria emancipação. E exatamente o mesmo para os coletivos LGBTI, que só nos últimos anos começaram a assumir esta exigência de modo aberto e positivo. 

A consequência prática deste novo papel é a modificação do paradigma de consumo de informação, fugindo da imprensa segmentada para mulheres e encetando o caminho da imprensa feita “por mulheres”, centrada na superação da sua condição subordinada. Evidentemente, um trabalho que não será feito sem dificuldade, a começar pola associação da comunicação militante com comunicação interessada, enquanto aos grandes meios se lhes reconhece seriedade e neutralidade; e a seguir pola ideia ainda geralizada de que essa imprensa militante, quando for opositora ao sistema, tem muito mais de exercício de histeria (sic) do que com a transcrição de debates de interesse para as maiorias sociais.

Por outras palavras, que a imprensa feminista, feita “por mulheres”, não está livre de cair na mesma subalternidade a que as oligarquias sempre quiseram reduzir o conjunto do movimento feminista. E que a única maneira de superar o ataque e desafiar frontalmente aquela imprensa que trata de simular uma normalização já efetivizada é o mesmo que hoje faz do feminismo e da militancia LGBTI um dos pólos de debate social mais ativos e interessantes da afirmação dissidente: compromisso, organização, combate.

Óscar Valadares Ocampo, militante comunista e soberanista no MGS e no BNG, é membro do Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes e faz parte do conselho editor de Contrapoder.info.

"Envexa de clítoris", de Helena Capera

“As Bruxas Lancashire” de de William Harrison Ainsworth
Segundo o misóxino Sigmund Freud todas as mulleres padecemos envexa de pene, un trauma que nos posúe de nenas cando descubrimos os xenitais masculinos e recoñecemos o noso corpo incompleto, castrado.

O que parece un chiste malísimo é unha teoría que mutilou a sexualidade de moitas mulleres ao longo do século XX. O falocéntrico Freud e a súa tropa interpretaban as mulleres como seres opostos aos homes. Consideraban que os orgasmos provocados pola estimulación do clítoris eran infantís (por non precisaren o pene). E chegaron a ser tan ignorantes que obviaron non só que non envexamos as pirolas, senón que o noso clítoris é o único órgano do corpo humano dedicado, exclusivamente, a producir pracer.

O clítoris ten máis de 8.000 terminacións nerviosas, a maior concentración que existe nun único órgano. Supera a hipersensibilidade das puntas dos dedos, dos labios e da lingua. O clítoris é puro nervio: un tesouro máxico!

Moitas somos as mulleres que algunha vez soñamos  cunha pirola  propia  (colgando  entre as pernas) ou falamos sobre os xenitais masculinos. Utilizamos dildos con forma de falo e gozamos penetrando mentres fodemos. Pero iso é curiosidade e vicio. Non envexa.

Porque cando de nenas descubrimos o noso clítoris, un mundo novo e fantástico se abre diante de nós. Aprendemos a tocalo, agarimalo, beliscalo. Gozamos cunha lingua, uns dentes, un alento. Viaxamos mentres o capuchón se abre e o botón crece e se expande. Sentimos o centro do universo debaixo do noso embigo.

Tan poderoso é o noso clítoris que nalgunhas sociedade a mutilación deste órgano se utiliza como mecanismo de control dos corpos. Anulando o desexo e o pracer, anúlase a persoa. E eliminando a autonomía das mulleres, mantense a hexemonía dos que mandan.

Se Sigmund Freud tivese cona, quizais titulase algunha das súas obras ‘Sabia natureza’. E o que nomeou loucura, chamaríao multiorgasmo. Pero naceu  e  viviu   coma  un  home  e  falou  sobre   as mulleres sen coñecelas nin respectalas. Morreu sen decatarse de que o sensato, en todo caso, é padecer envexa de clítoris.

Helena Capera Cullell é amante das letras, dos corpos e das linguas. Chegou ao Atlántico dende Mediterráneo hai seis anos e dende aquela medra e desaprende en galego. O concepto ‘neofalante’ non lle gusta. O queixo, encántalle.

martes, 7 de outubro de 2014

"Mulheres livres en povos livres", de Paula Rios (Mulheres Nacionalistas Galegas)

Grabado dunha muller colgada dun péndulo
Sustenta Simone de Beauvoir que o feminismo é uma forma de viver individualmente e de lutar coletivamente. Certamente, mas talvez esqueceu assinalar que o feminismo é também, uma forma de pensar, uma forma de perceber e interpretar a realidade. O feminismo é uma reflexão que toca a vida toda: a ecologia, a economia, as relações afetivas. Isso é o feminismo: um instrumento de reflexão para a vida.

As feministas somos pessoas que pensamos, dialogando e vivindo a necessidade de mudança desta sociedade tão injusta em muitos sentidos, injusta em sala de aula, injusta na divisão geográfica, injusta por racismo, mas a primeira das grandes injustiças do mundo é que 50% da humanidade foi tratada por centenas de anos como se tiver de ser tutelada. As mulheres não éramos totalmente adultas, não éramos totalmente humanas, não éramos totalmente iguais aos homens.

Essa injustiça é a que move o feminismo, porque eu como a maioria das mulheres no mundo somos vítimas desta situação de injustiça, e junto com outras mulheres não só me dei dado conta disso, também descobri que havia um espaço onde a minha rejeição, a minha reflexão, podiam se manifestar. O feminismo forneceu algo para as mulheres: ofereceu às outras mulheres para construir com elas algo diferente.

O feminismo requereu de vários séculos de existência para ser reconhecido como pensamento crítico. A resistência ao pensamento crítico gerado pelas mulheres tem entre as suas manifestações a negação, invisibilizaçom, ridicularização e até mesmo a destruição de toda a impressão sobre o assunto. A utilização da  invisibilizaçom  e a negação  das  mulheres silenciando-as e  apagando as evidências  da sua resistência, contribuiu para o seu desartelhamento como sujeito social e político, ou seja, como movimento e força social, enquanto que, sem referentes, as mulheres somos construídas historicamente como órfãs em nossa tradição sócio-política.

As mulheres na Galiza têm avançado nos últimos tempos, mas nunca nos foi dado nada. Os avanços conseguidos foram resultado das lutas do movimento feminista e as mulheres das MNG sabemos da importância do feminismo, da necessidade de continuarmos na luta pela destruição do sistema patriarcal e a construção de uma sociedade livre de exprotações e do compromisso com a luta da Galiza pola consecução da sua independência nacional.

O projeto de país e o projeto feminista

Os reptos que mantém o feminismo hoje podem ser extrapolados para o conjunto das forças políticas e das organizações e movimentos sociais em geral. Partimos de que a actual situação económica, política e social tem diferentes respostas organizadas a diferentes níveis, mas todas elas confluem -na teoria-, no desejo de construir uma sociedade mais justa e, também -na teoria-, na defesa dos direitos da Galiza.

Mas na hora de construirmos o futuro para a nossa nação, o feminismo coloca acima da mesa temas que podem entrar em litígio com as posições que não contemplam a luta contra o patriarcado como um vetor fundamental para que essa construção nacional se realizar sob prisma de equidade. Sabemos que uma ideia de país muito soberano e independente, não sempre coincide com ideias libertadoras e feministas.

As mulheres, e muito concretamente nossos úteros, foram utilizadas historicamente por diferentes ideologias e em circunstâncias também muito diferentes, para fazer da maternidade um meio para conseguir um fim político.Qualquer construção nacional que se pretenda de costas aos direitos das mulheres e fomentando valores patriarcais, merece enfrentamento por parte de feministas.

Construindo o futuro

Como afirma Carmen Castro*: «Este é tempo de construir uma nova realidade, na qual a identidade das mulheres como sujeitos políticos e econômicos não esteja a ser questionada nem tutelada. E é tempo de assumir que o direito de decidir de um povo ou comunidade como sujeito coletivo só pode ser construído a partir do direito de decidir das pessoas, de a cada uma delas. Isso necessariamente tem que incluir o direito de decidir das mulheres sobre suas vidas e sobre seus corpos. Dificilmente seremos capazes de construir esta nova realidade para nosso país se não é asumida a necessidade de despatriarcalizar a sociedade e acabar com os «paternalismos» resesos».

Do feminismo sabemos que falar de participação das mulheres nas instituições, nos partidos políticos, nas organizações sociais... não significa acabar com o patriarcado. Em palavras de Begonha Caamanho «Ser mulher não significa ser feminista. Ser vereadora, conselheira, ministra ou presidenta não quer dizer fazer políticas feministas, nem sequer é garantia de maior sensibilidade, honestidade ou justiça. Pensar isso seria volver a aquele feminismo romântico que pretendia que as mulheres éramos essencialmente boas; que a tenrura, a solidariedade e a generosidade eram características nitidamente femininas enquanto que a agressividade, concorrência e a violência eram masculinas. Podemos ser tão violentas, tão corruptas como o mais infame dos homens. Somos as principais vítimas do patriarcado, mas isso não nos converte em melhores. Não som os nossos genes nem os nossos genitais, é a nossa ideologia quem nos faz defender valores distintos aos patriarcais. É o feminismo que nos converte em insubmissas e revolucionárias».

Cumprem projetos nacionais que assumam os direitos das mulheres e recolham, das lutas feministas, todas aquelas alternativas que se elaboram para assegurá-los e defendê-los. Só desde a luta antipatriarcal e anticapitalista poderemos conseguir uma mudança radical desta sociedade e portanto é muito importante aprofundar nas formas de luta dos feminismos para construir uma Galiza realmente livre e não patriarcal.


Mulheres Nacionalistas Galegas é uma organização feminista que considera o feminismo como uma luta global de seu, que Galiza é uma nação que tem negados os seus direitos políticos e o capitalismo como um modo de produção contrário aos interesses das mulheres e da humanidade em geral. O feminismo que defendemos compõe-se desses espaços de luta que já abriram fendas na estrutura patriarcal. Não para pequenas transformações que não mudam o sistema, a nossa história de reivindicações é mais do que isso. Trabalhamos para que a sociedade não continue a reproduzir esta ordem estabelecida há milheiros de anos, num processo que se alimenta da nossa vida diária, com avanços, retrocessos, certezas e ilusão cara a uma sociedade nova baseada em novas e superadoras relações de género. Em MNG, desde Galiza, desde a rebeldia, as mulheres seguiremos DESAFIANDO O PATRIARCADO.